Panxoliña de Campos de Vila

Cancioneiro antropolóxico. Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor.

Esta colección é froito do traballo de selección e estudo antropolóxico, que levou a cabo o profesor Xosé Luis Foxo nun espazo que abrangue as denominadas "Terras do Lor e do Sil", é dicir, os concellos de Quiroga e Ribas de Sil principalmente.
Compre destacar a importancia que subxace na recuperación e revalorización da cultura rural popular galega, que neste volume xoga o papel de protagonista. Así mesmo, axuda a reconstruir a identidade do pobo galego, a súa historia e a sua tradición.

Aquí atopamonos con un considerable número de pezas resultado do saber popular: cantigas, documentos fotográficos, partituras, lendas, arrolos, etc. Contextualizado e complementado cun estudo antropolóxico que realiza o autor. O seu uso e reproducción pretende ter vías moi distintas, comezando pola simple curiosidade do visitante da web, ata os centros de ensino e os círculos de investigación de distintos eidos culturais.

A labor de difusión e dixitalización de estas coleccións por parte do Consello da Cultura Galega ten o obxectivo de recoñecer o papel dos sons, das cantigas, e en definitiva, da música. A música que sempre estivo presente no día a día da sociedade, e máis no rural como nos mostran os cantos referidos a actividades de labor, a periodos ou festividades do ano, etc. A obra de Xosé Luis Foxo permite comprender como era o abanico musical das terras bañadas polos río Lor e Sil, ofrecéndonos unha visión esclarecedora a través do seu estudo antropolóxico.

Panxoliña de Campos de Vila


Campos de Vila, HOSPITAL (SAN SALVADOR), Quiroga, Lugo

Compilador: Xosé Luis Foxo

Tipo: voces

Contido

Recollida de Amalia Figueroa Arias

Detalles

Dicen que naceu un Neno
blanquiño como o rocío
e que está nunhas palliñas
aterecendo de frío.

Xente subindo e baixando
naide se para a mirar
i o Neno sigue chorando
co frío non pode aturar.

Solín, soliña i unha morriña
que "naquel" sitio cerrado está
cos seus alentos alí contento
i o meu Niniño deixou de chorar.

Saltan os paxaros por entre as silveiras
repican as campás, ruxen os pandeiros
e os anxeliños noso Redentor
que naceu o Neno, o Noso Señor.


Dicen que veñen tres reises
por unha estrela guiados
e que lle traen o Neniño
grandes e hermosos regalos.

Ouro ofreceulle Melchor
e mailo incienso Gaspar
i a mirra tamén ofreceulla
o outro rei Baltasar.

Saltan os paxaros por entre as silveiras
repican as campás, ruxen os pandeiros
e os anxeliños noso Redentor
que naceu o Neno, o Noso Señor.

Imaxes

Non hai imaxes na peza


Outras pezas na mesma zona