"Unha vella fixo papas..."
TweetCancioneiro popular galego
O Cancioneiro Popular Galego, obra fundamental sobre o folclore musical de Galicia, é froito do traballo de recolleita que entre 1978 e 1983 levou a cabo Dorothé Schubarth, coa inestimable axuda de Antón Santamarina, por trinta e oito zonas da nosa xeografía, incluídas áreas limítrofes. A riqueza, a diversidade e a particularidade das nosas melodías, coplas, lendas e contos prolongaron o traballo máis do inicialmente planeado e permitiron configurar un corpus de traballo sobre o que fundar unha nova metodoloxía etnomusicolóxica, con novos parámetros de clasificación e de estudo, que continúan a influír nos investigadores actuais. O resultado deste inmenso labor foi a publicación do Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, editado pola Fundación Barrié en 1984, que tamén tivo a xenerosidade de apoiar economicamente a prolongada estancia da profesora Schubarth en Galicia.
"Unha vella fixo papas..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Compilador: Dorothé Schubarth
Tipo: música
Contido
Recollida de Mercedes, labrega de 79 anos, Carme, labrega de 72 anos e Manuel, de 85 anos. O Cancioneiro Popular Galego destaca de Mercedes: Mercedes canta dunha maneira moi persoal e expresiva (Schubarth, D. e Santamarina, A. (1986). "Cancioneiro Popular Galego. Festas Anuais". A Coruña: Fundación Barrié. Volume II, tomo I, p. 238). Mercedes é a única informante que realiza esta formación rítmica da muiñeira vella con acentos moi fortes na sílaba tónica (Schubarth, D. e Santamarina, A. (1988). "Cancioneiro Popular Galego. Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas locais". A Coruña: Fundación Barrié. Volume IV, tomo I, p. 215).
Detalles
(VI 1329b)
Unha vella fixo papas
e boutonas nunha criba
pux’a criba na cabeza
e ‘scaldous’a vella viva
Na beira do mar
hai moito que ver
baila miña Maruxa si
baila que has de bailar
Vente vindo, vente andando
que che quero ve-la cara
que me din que eres morena
a min morenas me agradan
(VI 1674b)
Miña nai por me casare
ofreceume unha galiña
ahora que me casei
nin galiña nin outra cousa
(VI 1027)
/: Déixam’ir que logho veño :/
Déixam’ir segha-la iherba
ó mellor prado que teño
(VI 1729a)
Eu queríame casar
miña nai dime qu’é cedo
ela como ‘stá casada
non sab’a gana que eu teño
Túa nai e maila miña
xuntas van na romaría
levan a roupa de ghala
deixan a de cada día
As mulleres d’hoxe ‘n día
ghastan moita fantasía
escote de dúas cuartas
a saia pola rodilla
Andades co peit’ó aire
dunha forma escandalosa
os homes tan espantados
meniñas da moda vosa
(VI 1059b)
Dáme un bico Maruxa
que ch’hei de dar un pataco
non quero bicos dos homes
que me cheiran ó tabaco
- En fin, non me acordan moitas delas. Hei marchare, xa teño a cabeza coma un bombo.
- Outro conto, outro conto.
- Ai non sei, non sei. Non sei! Sei máis, pero seinos a pedazos, non sabe., a pedazos, e aí non teñen mérito ningún. Se... claro, non teñen mérito.
(VI 894)
Algún día por te ver
abrín a porta da eira
ahora por te non ver
vouna cerrar de carreira
Baila miña Maruxa
baila se queres bäilar
baila miña Maruxa, baila
baila na punta do mar.
/: Baila na beira do mar :/
- Ten máis. Xa non me acorda máis.
...
- E ti... ao andar traballando acordan todas.
...
- A ver, conta. Tes que saber.
- No, eu táballe facendo señas porque eu xa llos teño contado a unha bisneta que teño. E a neta xa logho sabe os contos mellor ca min. ... somos veciñas, non sabe?
- A ver, cóntalle Mercedes o que sepas.
- Si, conta un destes. Non ten que ser como estas, cada un ten o seu.
- Porque eu póñome a bailar con ela alí pa dormire e póñome a contare estas [...] máis dino de vere.
- Dime outra vez este.
- Ese?
- Porque non colleu.
(IV 297b)
Vamos a la ‘scuela
que hay mucho que vere
se casa un hombre
con una mujere
la mujer es vieja
el hombre no ve
ay qué casamiento
mais dino de vere
- Esas cousas son as que lle digho eu así á neta. Pero non é cousa de...
...
Un veciño meu, que é Manolo de Iglesias (que non conoces, que inda lle dixen onte a general don Jesús de, pero bueno, o home, a máis ... bastante ben, tuvo mui enfermo), e criámonos xuntos, ousea, cada un é da súa casa pero éramos veciños. E se digho a verdá, el é un ano mais novo ca min. E calquera tontería, os dous tíñamos que sabelas cousas todas. E resulta que ghustábanos moito o petillo, ós dous. E el, na casa del tiñan, que esta xente conóceo, unha muller que había aí nas, Aurora da Maraghata, bueno, iba ao xornal pa casa de Ighlesias.
E resulta que un día andaba eu cas vacas. E díxome Manolo:
- Oi, doume Aurora da Maraghata, doume un real. Voulle coller á vella...
A unha taberna, iba buscar ghas e máis aceite, que llo mandara súa nai. Unha botella de ghas e outra de aceite.
- E resulta que vou coller á vella e vou traere dous macillos (que era o tabaco que había alá en tempos pasados, valía un patacón cada un, bueno usté xa non sabe o que é un patacón, son dez céntimos, esto, e entonces xa eran vinte cinco céntimos, o total que levaba).
Resulta que (que quere marchar? Ah bueno, pois voulle explicar o conto e despois conto o conto).
Esto, entonces dixo el, eu andaba cas vacas, e pasou por onde a min e díxome:
- Vou á taberna e vou traere dous macillos e mais unha caixa de cerillas (pa prendere, claro)
- E despois ven por aquí.
- Si, si, veño.
E resulta que veu. O home non tiña bolsillo no pantalón e tal. Entonces deixoume a min xa os petillos e eu quedei fumando, pero eu andaba cas vacas e baixando porque taba miña nai, en paz descanse, taba cerca e se vía o fume do tabaco despois a min dábame.
E entonces, ..., e él marchou pa casa, cun macillo empezado pero o outro enteiro. Dixo el:
- Non sei donde o vou aghachare pa que non mo vexa miña nai.
E díxenlle eu:
- Mira, alí no valo, no muro. No valo, mételo naquel burato do valo. Poslle unha pedra por diante e agháchalo alí.
- E máis é certo.
Entonces aghachou alí no macillo. Pero o outro levouno na ghorra e maila caixa de cerillas. Pero resulta que cheghou á casa e nai dixo:
- E que! Trouxeches?
- Si! Aquí están. Aí está o ghas e mailo aceite.
- Ai desghraciado! E ti que fixeches?
- E logho?
- E botaches na botella do ghas botáchelo aceite. Ai mala centella te coma ghalopín! Onde vas?
PAF
Trouxo na mascada na ghorra, alá vai o tabaco e mailas cerillas. No chan. Ai María Santisma a que lle armou despois porque non quería que fumara.
- Bueno, este expliqueillo, o asunto como era, se quere poñelo a funcionar pois...
Era él e mais outro amigho. Un veciño, un tal Manolo de Ighlesias, éramos moi amighos, e resulta que o home andaba mal de cartos coma min. E un día alí unha muller doulle un real e xa o home quedou contento que xa tiña pa fumare, que nos ghustaba moito aos dous. E foi por onde a min e dixo:
- Oi ... Vou á taberna por aceite a mais por ghas e vou traer dous macillos e mais unha caixa de cerillas.
E díxenlle eu:
- Bueno, pois traino. Traino que boa falta fai.
Porque andabamos fumando follas de carballo e follas de viña e fentos. E o tabaquiño sabía moi ben.
E entonces o home cheghou á taberna e díxolle ao Abellón, que era o taberneiro, dixo:
- Bóteme aquí ghas e aquí aceite.
E o home era un home xa vello e botoulle na botella do ghas botoulle o aceite e na do aceite o ghas. E o rapás paghoulle e colleu os macilliños e mailas cerillas e veu moi contento pa casa. E veu pa onde a min e dixo:
- Oes, xa temos tabaco.
E díxenlle eu:
- Bueno, pois boa falta fai. Dame un petillo.
E doume un petillo e as cerillas e prendín e púxenme a fumare. Porque eu fumaba con moito coidado que non me vira miña nai. E el marchou pra casa e díxome:
- Oe, e onde vou aghachalo tabaco?
Díxenlle eu:
- Mira, agháchao alí no valo da cachopa, naquel burato.
E eu díxenllo porque así sabía eu onde o deixaba.
- Agháchao naquel burato. Esto... porque se non si che ve túa nai...
- Non si claro.
E vaise o home e meteu o macillo no burato do valo. E o outro, o que tiña empezado, púxoo na ghorra. Pero cheghou á casa e a nai ao que veu as botellas dixo:
- Ai Manolo! Ven acá! E ti que fixeches? Que trouxeches aquí?
- Trouxen o aceite mailo ghas.
- Desghraciado galopín! Malo raio te parta! E metiches o ghas na botella do aceite e o aceite na do ghas.
- Eu non sei, foi o Abellón.
- Que Abellón? Ven acá!
TRÁS!
Tróuxolle unha mascada e alí vai a ghorra no chan. Ai, pero apareceu o tabaco:
- E esto de onde ven?
- Eu non sei mamá, eu non o sei.
Pero o home xa escapando pa eira. Pero nesto, doulle unha patada no cu e arrapañou o tabaco. E resulta que o home saleu pa eira chorando e claro, e ao pouco veu onde a min e díxome:
- Home, sabes o que pasou? Que o Abellón botoume o ghas na botella do aceite e o aceite na do ghas e cheguei á casa e miña nai zoupoume e quitoume o macillo e ahora fun ao valo das cachopas e no está o outro.
E díxenlle eu:
- Habíache de ser Rosendo que cho colleu.
E o que o collera fora eu, que non fora Rosendo.
Eso coma o meu neto que andaba atrás de min pa que comprara unha bicicleta. E resulta que eu compreille a bicicleta porque me daba lástima e era moi amigho de andar cas vacas. E compreille a bicicleta. E entonces alí foi el, e saleu ca bicicleta para o camiño. Saleu ca bicicleta pra o camiño e veu un coche e colleulle a bicicleta. E a el ghindouno pa’o outro lado. E marchou. Pero colleu a bicicleta e marchou. E entonces alí fun eu e díxenlle eu:
- Deixa que aghora non ch’hei de comprar máis. E aghora has de estar aí sujeto, que non che compro máis.
Ahora eu compráralla para que viñera á misa na bicicleta. E que a deixaba no camiño, no Pucho. Na taberna. E dixo:
- E mamá, déixovola aí na taberna.
E dixo:
- Ca bicicleta non se vai á misa.
E dixo:
- Pois sí, eu teño que, ten que me comprar a bicicleta si non non podo ir á misa.
Entonces díxenlle eu:
- Non que o cura non che quere a bicicleta na misa.
- Pero déixoa na taberna. Usté cómprema.
Resulta que aghora ten a bicicleta estraghada. Ahora anda comigho pa que lle arreghle a bicicleta outra ves. E díxenlle eu:
- Non che arreghlo a bicicleta porque vai pasalo mismo. E vai haber unha avaría contigho e mais ca moto. Ala. Tela alí parada.
E ahora chora, e anda atrás de min, e dixo.
- Ai mamá! Pois si ten que ma comprare. E ai mamá! E ten que ma comprare ou arreghlarma.
Ahora anda con seu pai pa que lla leve no coche. Seu pai, claro, non lla quere levar porque é un traste de... é un traste.
- É un traste inútil.
- É verdá. E para unha desghracia, si.
- É, é. Unha desghracia.
- Bueno, voulle a decir outro que me acordou ahora.
...
Unha veciña miña que un día foille a nai á feira. E ela díxolle, a nai dixo:
- Ten coidado das ghaliñas. A ver si che vai vir o raposo e chas leva.
E a pobre rapaza anduvo mirando pas ghaliñas toda a mañán. Pero resulta que unha ghaliña metéuselle na cociña, e a nai díxolle:
- Non che manches na cociña (porque facían as súas necesidades na cociña). Non che manches na cociña.
Entonces a rapaza quixo botala ghaliña fora. E cando a quixo botar cerrou a porta pa que non lle escapara e resulta que a entalou na porta.
- Ai miña pitiña, miña pitiña. Ai pobriña de min ó que veña a mamaíña da feira. Eu non sei que che farei. Se te enterro, sábeno miña nai. Se non te enterro e te tiro aí, cómenche os cans. Ai que farei da miña pitiña!? Ai que farei da miña vida!? Ai, pobre pitiña, pobre pitiña. Ai ao que veña mamaíña. As que vai haber aquí.
Outro día, miña nai cando iba á feira, e decíame:
- Bueno, se eu non veño pa’o xantare, esto, quédache unha ghaliña poñendo, e fas un ovo.
Díxenlle eu:
- Bueno...
[- Sólo?
- Eh? ... Ai naqueles tempos! Un ovo xa era moita cousa! Cunhas bandullas de pan de millo]
E resulta que eu anduven atrás da ghaliña que dixen , funlle ao niño tres ou catro veces na mañán. Eu tiña ghanas do ovo. E resulta que alí non puñía. E dunha vez dixen eu:
- Ai pois ter que puñer.
Collín a ghaliña no niño apreteina e pa! alá vai o ovo.
Nin a ghaliña, nin o ovo, nin...
- Nin ovo nin ghaliña!!
...
- ... pero ti non me contas ningún dos que che ando a disir.
- Bueno! A ver.
- Das mazáns.
- Dígholle quen era?
- Dí. Sin ofendere.
Érache un matrimonio que viña sendo [...] Un matrimonio que viñan sendo tíos desta muller que está aquí (risas). E resulta que tiña unha maceira moi boa. Alá cando eu era rapás. Unha maceira Santiagho. E tiña no fondo do salido e, había millo, tiña millo no salido. E entonces, eu íballe ás mazáns de vez en cando. E resulta que fun arriba da maceira e as mellores tireinas pa o chao pa despois apañalas cando baixara. E chéghame a Carmela:
- Ai arre demo po inferno! Arrea! Pois hoxe non fai tanto aire pa caer tantas mazáns. Arre demo! Cantas cairon.
E eu taba enriba da maceira e díxen:
- Ai si marcharas de aí, mecagho na puta. E non marcha.
Arrea! E colleu o mandil, encartouno p’arriba, apañoumas todas. Ahora que a min enriba da maceira non me veu. E marchoume cas mazáns mellores para a casa e despois tiven que apañar as verdes, se quixen comer mazáns.
E noutra ocasión, pasoume o sighiente. De que, esto, tiñan un pote das papas, destes potes que había de tres pés. Uns potes de ferro. E esto, desde que o compraron no lavaran máis. E tíñano detrás do lume. E tiñan un becerro na corte. E resulta que o bo do becerro, veu á cociña e anduvo fozando no pote e meteu a cabeza polo aro do pote e marchou co pote pa corte. Resulta que os vellos chegharon á casa e ela:
- Ai Dios mío! E quen nos roubaría o pote? Ai arre demo pa o inferno! Onde irá o pote? Manuel! E non sabes unha cousa que falta o pote!
- Bueno, bueno, non me dighas eso.
- Falta o pote!
- Habían de ser eses que veñen aí vendendo viño e, homes que veñen vendendo cobertores cun cabalo e habíanche de ser eses. Arre demo e entraron na casa. Manuel! Vai mirar si falta algunha cousa enriba tamén.
- Bueno, non sei, non sei.
- Vai mirar arriba! Arre demo!
Recorreron a casa toda e non aparecía o pote. Hasta que despois cando quitaron o esterco da corte, apareceu o pote na corte. E dixo ela:
- Bueno ho! Ahora xa hai que facelas papas.
E fixeron as papas sin lavar o pote.
...
Era un día dunha festa e a Carmen tiña a xente no, enriba, comendo. Abaixo, despois, veu buscar o café abaixo, e xa tiña o café feito encima da cociña. E cando levou pa colar o café e levar o café pa mesa, non topou a pota do café. E dixo:
- Ai Dios bien. E ten que ser cousa do demo porque ... y no lo encuentro.
Á outra escapáronlle ca pota das patas e aghora a esta escápanlle ca pota do café. Hai que saber onde vai.
Pois anduvo en busca da pota. A pota taba encima da cociña ... do café. E quen fora o que escapara ca pota do café? O demo... a pota do café ... ata que se presentou e despois, que el non fora o que marchara ca pota que tiña aghua. E aghora ...?
[- Marchara ca pota do café.
- E aghora Martín viña pedindo no café. ...
- ... Veña café, veña café. Pero depois douse conta Carmen que non taba a pota do café encima da cociña e foi el o que a aghachara ]
(VI 1801)
Manueliño é bo rapás
met’a mau na faltriqueira
toma nena dos raiás
...
Referencias bibliográficas:
Schubarth, D. e Santamarina, A. (1988). "Cancioneiro Popular Galego. Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas locais". A Coruña: Fundación Barrié.
Schubarth, D. e Santamarina, A. (1993). "Cancioneiro Popular Galego. Coplas diversas, cantos enumerativos e estróficos". A Coruña: Fundación Barrié.
Notas de Dorothé Schubarth
Categoría
Coplas
Notas
Transcrición: Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
Localización física do documento
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
Sinatura
SCSA-CD/0225
Imaxes
Non hai imaxes na peza
Documentos
Non hai documentos na peza
Outras pezas na mesma zona
Varios texos
Friamonde, CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
"Toñico tiña unha filla ..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Se non tendes sacho..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Ai entrai ó baile bailare..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Dos mociños e das mozas..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Cuando en Matanza supiera..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Carballeira de San Xusto..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Anque che son de Callobre..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Eu queríame casare..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Era un home que había nunha parroquia..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Se queres que vaia verte..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina
"Xa fun a Marín..."
CALLOBRE (SAN MARTIÑO), Estrada (A), Pontevedra
Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. Colección Schubarth e Santamarina

